A ASOCIACIÓN

Creada en 2011 da man da pianista rusa afincada en Santiago de Compostela Ilona Timchenko, a asociación Peregrinos Musicais ten como obxectivo a promoción dos novos artistas galegos. Desta forma nace o Festival Internacional Peregrinos Musicais, co fin de realizar actividades conxuntas e de intercambio cos músicos máis importantes e de prestixio internacional. Ademais, realiza actividades de promoción dos intérpretes galegos e afincados en Galicia

Presidenta

Ilona Timchenko

Ilona Timchenko gaña o Primeiro Premio no terceiro certame de Abstract Securitirs Landor Competition celebrado no Cadogan Hall en Londres o 16 de Outubro de 2007 conseguindo un contrato de gravación con Landor Records. O seu primeiro CD con selo discográfico saíu á luz en decembro do 2009 e foi galardoado coa titulación Extraordinaria en International Records Review en xaneiro de 2010.

Agraciada cunha técnica fenomenal e potentes habilidades musicais e expresivas ela cativou por completo ao público en xullo de 2008 en Buxton Festival en Inglaterra durante o seu debut. En abril de 2010 debutou en Unione Musicale, un dos máis prestixiosos festivais en Europa. Ilona Timchenko está agora en pleno auxe da súa carreira profesional internacional, viaxando polo mundo e ofrecendo recitais en salas de concertos, tales como Wigmore Hall, Philips Hall en Holanda, Musikverein en Vienna, Concertgebouw en Amsterdam, Gran Sala do Conservatorio de Moscova e o Teatro Monumental en Madrid.

Ilona Timchenko empezou a súa formación musical a unha idade moi temperá nunha pequena cidade de Crimea co profesor A. Goliak. Moi pronto se trasladou a Moscova onde continuou os seus estudos de piano cos profesores Vladimir Bunin, Víctor Bunin, María Polivanova e Elena Richter, e os de composición con Albert Leman e Román Ledeniov. Posteriormente perfeccionou a súa formación en Holanda cos profesores Alexander Gold e Rian de Waal, en Italia co profesor Lazar Berman e en Francia co profesor Michel Beroff.

Como compositora, Ilona Timchenko iniciouse no Festival de Música Moderna de Aviñón (Francia), onde se estreou o seu Sexteto “Dedicatoria a Aviñón” para instrumentos de corda e vento, o cal gozou dun especial beneplácito por parte da insigne compositora Sofía Gubaidulina.

Como pianista, desenvolveu unha intensa actividade concertística actuando con diversas orquestras entre as cales destacan a Orquestra da Capella Académica de San Petersburgo, a Orquestra Filarmónica da Radio de Holanda, Orquestra do Norte de Holanda, Real Filarmonia de Flandes, Orquestra Sinfónica de Granada, Real Filarmonia de Galicia, Orquestra da Radio de Romanía, e en diversas salas tales como en Musikverein (Viena), Concertgebouw ( Amsterdam), Vreedenburg ( Utrecht), Phillipszaal (A Haia), Gran Sala do Conservatorio de Moscova, Capella de San Petersburgo, Sala de Concertos Megaron (Atenas), Teatro Monumental (Madrid), Sala Mare a Palatului ( Bucarest) entre outras. Tamén formou parte de conxuntos de cámara, como por exemplo, A Orquestra de Cámara Nova Música, duo con Mark Lubotsky, Rivka Golani, Philippe Graffin…

Ilona Timchenko foi a primeira intérprete de varias obras de compositores contemporáneos, algunhas das cales estaban dedicadas a ela. As gravacións destas obras consérvanse no Arquivo do Conservatorio Estatal de Moscova.

Ilona Timchenko ten no seu haber un amplo repertorio que abarca todo tipo de obras, desde o Barroco ata a música contemporánea. É gañadora de numerosos concursos internacionais de piano, galardoada, ademais, con varios premios do público e da crítica musical, tales como Beethoven Competition en Viena (Austria), Liszt Competition en Utrecht (Holanda), Enescu Competition en Bucarest ( Rumania), María Calas Grand Prix en Atenas (Grecia). En total Ilona Timchenko gañou vinte premios nos concursos internacionais, dos cales sete foron primeiro premio, сomo no Concurso Internacional de Piano Antón Garcia Abril.

Desde 2008, Ilona é docente convidado na Academia de Verán anual nos Países Baixos – Peter de Grote Festival. En España, en colaboración coa Escola Superior de Altos Estudos Musicais fundou, en 2011, o curso de piano “Escola Rusa”. Ilona dá clases regulares maxistrais en España, Francia, Italia, Portugal, Rusia.

Timchenko é fundadora e directora artística do Festival Internacional “Peregrinos Musicais”, que ten lugar en Santiago de Compostela en colaboración con outros festivais e organizacións, como a Fundación Vladimir Spivakov Caridade Internacional, Festival “Moscova atópase con amigos”, Real Filarmónica de Galicia, The Mstislav Rostropovich Internacional Fundación de Caridade entre outros.

Secretario

Daniel Kordubaylo

Daniel Kordubaylo é un representante clásico da escola rusa do violín. Nado en San Petersburgo no ano 1977, iniciou a súa formación na Escola Especial de Música do Conservatorio Estatal de San Petersburgo (prof. N. Skliarskaya), continuando máis tarde no lexendario Conservatorio Estatal de San Petersburgo, onde foi aceptado sen exame de proba, o ser un dos tres violinistas máis destacados do seu curso.

 
As súas profesoras neste período foron as catedráticas A. Aranovskaya, E. Komarova e A. Kazarina. Nesta mesma época decidiu ampliar as súas metas artísticas aprendendo dos mestres europeos e compaxinou os seus estudos en San Petersburgo e no Prins Claus Conservatorio e posteriormente no Conservatorio Real da Haya (Holanda). Regularmente participou en diferentes masterclasses viaxando por toda Europa.
 
Os seus profesores nesta etapa foron T. Gerards, N. Morozova, K. Hulsman, H. Krebers e D. Schwarzberg, entre outros. Como solista e membro de diferentes formacións, Daniel actuou en numerosos festivais e en diversos escenarios de Rusia, España, Holanda, Alemania, Bélxica, Suíza, Letonia, Portugal, Francia, Italia, Brasil, Arxentina e Cuba. Como solista realizou unha serie de programas na “New-York Classic Radio” e intensas xiras por Estados Unidos.
 
Formou parte de diversas orquestras, actuando como solista nalgunhas de elas, tales como “North Netherlands Orchestra” (Holanda), “New Philharmonic Orchestra” (Holanda), “Dutch National Youth Orchestra” (Holanda), “Belcanto Festival Orchestra” (Holanda), “Orquesta Sinfónica de la RTVE” (España) e “Baltika Orquesta de San Petersburgo” (Rusia). Dende 2002 ata a actualidade, é profesor de primeiros violíns da orquestra “Real Filharmonía de Galicia” (España). Actuou coa RFG tamén como solista.
 
Daniel combina as súas actividades artísticas cun intenso traballo organizativo. É cofundador e director técnico do Festival Internacional “Peregrinos Musicais”, que ten lugar en Santiago de Compostela (España), dende o ano 2011, en colaboración con outros festivais e organizacións, como a Real Filharmonía de Galicia, a Fundación de Caridade Internacional Vladimir Spivakov e a Fundación de Caridade Internacional Mstislav Rostropovich, entre outras.

Vicepresidente y Tesorero

Adolfo de la Peña

Adolfo da Peña Llerandi naceu en Santander (1957), aínda que pasou a súa infancia e mocidade en Santiago de Compostela, onde cursou con brillantez os seus estudos de Medicina. Despois de formarse en Xeriatría no Hospital Calde de Lugo, exerceu a súa actividade profesional en Ferrol, sendo o responsable médico da Residencia de Maiores de Caranza ata o ano 2004.

É autor do Proxecto GERI Prol, co que obtivo o Premio de Investigación Científica en Xeriatría no XV Congreso da Sociedade Galega de Xeriatría (Vigo, 2003).

Foi secretario da Sociedade Filarmónica Ferrolá e presidente da Sociedade Filarmónica Rías Baixas. Actualmente é o vicepresidente e tesoureiro da Asociación Peregrinos Musicais.

Publicou os libros “Una visita guiada por el Pazo de Fefiñans, Cambados” (2015 Chiado Editorial), “Paseando por Santiago y alrededores” (2016 Chiado Editorial) e poesías nas obras conxuntas “Antología de la Poesía Española Contemporánea” vols.. I, II e III (2015, 2016 e 2019 Chiado Editorial). Agora está en trámites de publicar unha novela, “Gente de bien”.

Home polifacético, entre as súas afeccións destacan o xadrez, a música clásica, a pintura, a programación informática e a fruticultura ecolóxica.

Falemos!

Contacta