Apóstolo 2026
Horizontes Atlánticos - 27 de xullo de 2026 - Teatro Principal, 20:00 h, Santiago de Compostela
Este concerto propón unha viaxe musical a través das culturas que medran arredor do Atlántico, un percorrido no que tradición e modernidade dialogan a través de diferentes linguaxes e sensibilidades. Desde a elegancia da escola francesa ata o lirismo británico, pasando pola forza da tradición escocesa e o ritmo inconfundible da música norteamericana, o programa revela como cada compositor transforma as raíces da súa terra nunha expresión de alcance universal.
A delicadeza de Canzonetta de Gabriel Pierné abre o concerto cunha escrita refinada e evocadora, seguida da vitalidade e do espírito danzable de Guignanderie de Paul Jeanjean. O corazón popular de Inglaterra aparece nas Six Studies in English Folk Song de Ralph Vaughan Williams, onde melodías tradicionais adquiren unha nova dimensión artística.
A cor e o exotismo chegan da man da célebre Habanera de Maurice Ravel, inspirada nos ritmos de ida e volta entre Europa e América. Desde Escocia, James MacMillan achega en From Galloway unha mirada contemporánea ás melodías da súa terra, combinando intensidade expresiva e profundo arraigamento na tradición. O programa conclúe cos Three Preludes de George Gershwin, unha síntese brillante entre a música clásica, o jazz e o espírito urbano estadounidense.
Un concerto que invita a descubrir como o océano Atlántico, máis que unha fronteira, foi sempre unha ponte de encontro entre pobos, culturas e músicas.
Séculos do Violín - 28 de xullo de 2026 - Praza de San Martiño Pinario, 20:00 h, Santiago de Compostela
Este concerto reúne dous destacados violinistas nun percorrido que atravesa tres séculos de música, desde o Barroco ata o século XX, explorando todas as posibilidades expresivas e técnicas do violín, tanto como instrumento solista coma no diálogo entre dous intérpretes.
O programa ábrese co Duo Concertante n.º 1 de Louis Spohr, unha obra que combina elegancia clásica e brillantez virtuosística. A continuación, a monumental Chacona de Johann Sebastian Bach, considerada un dos cumios da literatura para violín solo, amosa a extraordinaria capacidade do instrumento para construír un universo sonoro de profunda intensidade.
A Sonata para dous violíns de Serguéi Prokófiev introduce unha linguaxe moderna, chea de lirismo e refinamento, mentres que a Sonata para violín solo n.º 6 de Eugène Ysaÿe rende homenaxe á tradición virtuosa cunha escritura de gran liberdade e personalidade.
O virtuosismo alcanza o seu punto culminante co Capricho n.º 17 de Nicolò Paganini, símbolo do dominio técnico levado ao límite. Como peche, unha selección dos 12 Dúos para dous violíns de Reinhold Glière recupera o pracer da conversa musical entre dous instrumentos iguais, cunha escritura chea de lirismo, equilibrio e riqueza melódica.
Un programa que percorre a evolución do violín ao longo da historia, mostrando a súa capacidade para emocionar, sorprender e crear un diálogo permanente entre tradición e innovación
Mapas Musicais - 29 de xullo de 2026 - Teatro Principal, 20:00 h, Santiago de Compostela
Marco Rinaudo · Stefano Visintainer, piano
Este concerto propón unha viaxe por Europa a través da música, un percorrido no que cada obra nos achega á identidade dun territorio, ás súas tradicións e ás súas paisaxes sonoras. Son mapas que non delimitan fronteiras, senón que unen culturas a través da música, revelando como o patrimonio popular e a creación artística dialogan máis alá das épocas e dos países.
Ottorino Respighi abre o programa revisitando as danzas e melodías do Renacemento italiano nas Antiche arie e danze per liuto, ao tempo que nas Sei piccole pezzi percorre diferentes tradicións populares, desde Sicilia ata Armenia ou Escocia. Igor Stravinsky, nas súas Cinco e Tres pezas fáciles, constrúe un mosaico de referencias a España, Rusia e Nápoles, combinando humor, ritmo e unha linguaxe inconfundiblemente moderna.
A elegancia e a frescura da música francesa están representadas pola Sonata de Francis Poulenc, mentres que Ferruccio Busoni rende homenaxe ao folclore finlandés nas súas Finnländische Volksweisen, transformando melodías tradicionais nun refinado discurso pianístico. O concerto conclúe con Giuseppe Martucci e os seus Pensieri sull’opera “Un Ballo in Maschera”, unha brillante homenaxe á tradición operística italiana a partir da obra mestra de Verdi.
Un programa que convida a descubrir unha Europa diversa e plural, onde as músicas populares, as danzas e as tradicións viaxan, transfórmanse e atopan unha nova vida na creación dos grandes compositores.