Peregrinos Musicais finaliza o seu particular Camiño cun concerto solemne no Auditorio de Galicia coa Real Filharmonía

  • Oito solistas, dos 15 seleccionados en abril, formarán parte da gala de clausura da Orquestra Real  Filharmonía de Galicia e interpretarán diferentes obras nas que terán unha parte relevante 

Fin de etapa e do Camiño para os Peregrinos Musicais que formaron parte da IX edición. Tras seis programacións realizadas por diferentes escenarios simbólicos da capital galega e, dous deles inéditos fóra da capital, en Sanxenxo e Nigrán, o Auditorio de Galicia abre as súas portas para dar a primeira oportunidade a mozos solistas de formar parte dunha gran orquestra sinfónica.

O público que habitualmente segue a programación da Real  Filharmonía de Galicia vai atoparse cun concerto diferente nesta ocasión porque a audición que preparou Peregrinos Musicais é diferente á que adoita soar durante a tempada.

Será un concerto que,  estilísticamente, adaptarase a todo tipo de gustos, e sorprenderá pola súa frescura e o pouco habitual das obras que se van a interpretar, polo menos, en salas españolas como o Auditorio de Galicia.

Nesta ocasión serán os seguintes músicos:

Luís López Jorge (violín, 22 anos, de Santiago) e Marta Rodríguez Otero (viola, 22 anos, de Lugo), que actuarán xuntos, formando un dúo, xunto á Real Filharmonía de Galicia. A obra que escolleron resultará moi divertida e á vez será emocionante pola súa dificultade á hora de ser interpretada será moi complexa e esixente, o que indica o virtuosismo dos dous mozos.

Outra das novidades, representaraa Erik Mirzoyan xa que tocará unha peza que él mesmo instrumentou e interpretou, por exemplo, en Colonia cunha orquestra sinfónica.

Tonio Comesaña protagonizará un concerto para clarinete e orquestra de corda con música do século  XX.

A obra máis clásica que se vai a escoitar na gala de clausura será o concerto número 23 de Mozart.   

Efrosinia  Shuplyakova (arpa, 12 anos, San Petersburgo)

Artur  Krischyan (violín, 14 anos, Moscova)

Elijah  Orlenko (piano, 14 anos,  Vancouver)

Thomas  Prchal ( chelo, 14 anos, Holanda)

Erik  Mirzoyan (clarinete, 16 anos, Moscova)

Tonio  Comesaña (clarinete, 22 anos, Vigo)

Dous dos solistas que actuarán esta noite coa orquestra sinfónica xa foron peregrinos musicais en edicións pasadas, pero non tiveran a oportunidade de compartir escenario coa Real Filharmonía, por iso é polo que para Tonio  Comesaña (único concerto ao que asiste como intérprete en todo o Festival) como Erik Mirzoyan, que si participou en varios concertos do IX Festival, será unha actuación moi especial.

Neste último concerto, todos os músicos seleccionados recibirán un diploma dos organizadores do Festival co recoñecemento ao seu esforzo e participación. 

O concerto que terá lugar no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela comezará ás 20:30 horas baixo o título “Os nosos solistas coa Real Filharmonía de Galicia”. 

O custo das entradas para este último concerto é de 10 € e 8 € para aqueles que adquiran as entradas con desconto de forma anticipada a través da plataforma  Ticketea.

Algúns dos solistas subiranse nesta ocasión ao escenario para interpretar diferentes obras clásicas nas que haberá unha parte para que demostren o seu virtuosismo co instrumento e o seu papel interpretativo formando parte dun conxunto orquestral da importancia e relevancia da Real  Filharmonía de Galicia.  

Peregrinos Musicais quere facer mención especial ao labor, interese e colaboración moi estreita do director da Real  Filharmonía de Galicia, Maximino  Zumalave, a quen agradece todo o apoio e esforzo por colaborar con este proxecto, así como a todos os integrantes da orquestra sinfónica galega.

 

DATOS DO CONCERTO

ONDE É: AUDITORIO DE GALICIA

CANDO: MÉRCORES, 3 DE XULLO

A QUE HORA: ÁS 20:30 h.

ENTRADAS: PLATAFORMA TICKETEA ou no despacho de billetes

PREZO: 10 euros público en xeral / 8 € con desconto

 

PROGRAMA DO CONCERTO

Director: Maximino Zumalave

W. A. Mozart, Sinfonía concertante en Mi b M, Kv 364 (320D) (1º mov)
Interpretado por Luís López Jorge (violín, Santiago, 22 anos) e Marta Rodríguez Otero (viola, Lugo, 22 anos)

M. Grandjany, Aria ao estilo clásico
Interpretado por Efrosinia Shuplyakova, (arpa, San Petersburgo, 12 anos)

P. I. Tchaikovsky, O lago dos cisnes: Danza rusa
Interpretado por Artur Krischyan (violín, Moscú, 14 anos)

W. A. Mozart, Concerto para piano n° 23 en La M, Kv 488 (2º y 3º mov)
Interpretado por Elijah Orlenko, (piano, Vancouver, 14 anos)

P. I. Tchaikovsky, Variacións sobre un tema rococó, op.33
Interpretado por Thomas Prchal (chelo, Holanda, 14 anos)

B. Kovács, Sholem-alekhem rov Friedman!
Interpretado por Erik Mirzoyan (clarinete, Moscú, 16 anos)

A. Copland, Concerto para clarinete e orquestra
Interpretado por Tonio Comesaña Pintos (clarinete, Vigo, 22 anos)