(Español) Luis López Jorge, un santiagués á fronte do violín desde Colonia

Luís López Jorge é natural de Santiago de Compostela. Ten 22 anos e ten unha ampla formación co  violín. É este momento vive en Colonia (Alemaña). Estudou música na Escola de Altos Estudos Musicais, no  CMUS de Santiago de Compostela e na  Hochschule  für  Musik  und  Tanz  Köln.  Grigori  Nedobora e  Ariadne  Daskalakis son os principais mestres que tivo ao longo da súa carreira formativa.

Que significa a música clásica para ti?

A música clásica sempre me acompañou desde neno, por tanto non lle podo dar un significado claro na miña vida. Desde logo significa dedicación, pracer e evidentemente tamén sacrificio

Quen che ensinou a ver algo diferente na música clásica ou fuches ti só o que descubriches a música clásica como algo especial?

A música clásica chegou a min a través dos meus irmáns, que son pianistas e desde que eu era moi pequeno fóronma descubrindo. Entre eles e todos os meus profesores ensináronme a ver cada día cosas novas nela.

A que anos empezaches a namorarte da música clásica?

Non é algo que teña moi claro, porque conforme pasa o tempo gústame de diferente maneira. Supoño que me empecei a enganchar máis ao violín e á música en xeral aos 14 anos.

Que influencia tiveron os teus pais para que vexas na música un camiño profesional como músico?

Os meus pais ao non ser músicos non tiveron tanta importancia nese aspecto. Aínda así sempre respectaron a miña decisión de dedicarme á música e sempre me apoiaron no que necesitei.

Que é o que che atrae da música clásica? Onde aprecias que a música clásica é máis especial que calquera outra para ser interpretada?

Atráeme sobre todo que sempre sentes que podes facer máis e descubrir máis sobre ela. O desafío de enfrontarche a tantas obras, tan distintas todas elas, apaixóname. A pesar diso non creo que sexa máis especial que calquera outra para ser interpretada. No meu caso sempre me chamou moito máis que outro tipo de músicas, pero non por iso creo que sexa máis especial.

Cal é o autor que máis che gusta interpretar? Por que?

Éme imposible destacar a un autor por encima do resto, gústanme moitos autores de todas as épocas, desde o barroco ata a música contemporánea, e precisamente esa variedade é, como xa dixen na anterior pregunta, o que me entusiasma da música clásica.

Fálanos do instrumento que tocas. Cal é? Por que che gusta?

Eu son violinista, e creo que o que máis me gusta do meu instrumento é que está moi presente en todos os grupos de música de cámara, ademais de ter moitas obras solistas e estar presente na orquestra, polo que abarca un repertorio inmenso.

Algunha vez pensaches en compoñer a túa propia música? Tentáchelo?

Nunca o pensei nin o teño tentado, é algo que me dá moito respecto e que creo que non se me daría ben.

Que mensaxe lle enviarías a outros mozos novos para que escoiten máis música clásica e, sobre todo, que vaian vervos aos concertos que organiza Peregrinos Musicais?

Diríalles que abandonen todos os prexuízos que seguramente teñen sobre a música clásica e que veñan aos concertos deste festival, xa que é unha música apaixonante e accesible para todos os oídos.

Para os mozos que vos está coñecendo agora e poden estar a pensar en ser músicos como ti, merece a pena dedicar o tempo á música clásica?

Evidentemente. É un camiño duro cheo de obstáculos e ás veces frustracións, pero ao final a recompensa de poder subir a un escenario e dar un concerto supera todo o demais.

Que é o que esperas deste Festival despois de ser seleccionado e participando nos seus concertos? Que importancia lle das?

Espero que sexa unha experiencia inesquecible, xa que poder tocar coa  RFG é unha oportunidade única e moi importante para a miña.

Se imaxinas a túa vida como músico…, que ves ou como cha imaxinas?

Imaxínome o buscar mellorar cada día para tratar de ofrecer a maior cantidade de concertos de calidade posibles.

Cal é o seguinte paso na túa carreira musical?

Terminar os meus estudos de Bachelor e tentar empezar estudos de  Master.